Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Universidade de Vigo acadou este ano máis de 5 millóns de euros da convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e outras entidades do sistema galego de I+D+i realizada pola Xunta de Galicia. Convocadas a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, estas axudas divídense en tres modalidades: grupos de referencia competitiva, grupos con potencial crecemento e persoal investigador con traxectoria excelente. Dependendo das publicacións, patentes, teses dirixidas e proxectos acadados nos últimos tres anos, así como do prestixio acumulado, os diferentes grupos e o persoal investigador optaron a diferentes apoios económicos establecidos entre os 90.000 e 400.000 euros.

A maioría dos grupos financiados da UVigo están vinculados aos seus centros e institutos de investigación, o que, a xuízo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “amosa a fortaleza e excelencia dos mesmos”. O mesmo acontece coas axudas para o persoal con traxectoria excelente, concedidas neste caso a seis investigadoras e seis investigadores Ramón y Cajal adscritos aos diferentes centros e institutos, con especial éxito do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, algo que a vicerreitora relaciona co feito de que a Universidade de Vigo atópase no posto 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos no ránking de Shanghai por materias e, neste sentido, “o talento chama ao talento”, e a aspiración é que nuns anos o IAA  “se converta tamén nun centro de excelencia”.

Ler a nova completa no DUVI